A nova nave de Froiz, primeira en España con autoconsumo fotovoltaico de última xeración
Por Redacción
A planta de conxelados que a empresa Froiz está a construír no polígono de Barro será a primeira de España en implantar módulos de alta eficiencia e rendemento que permitirán o seu autoconsumo enerxético mediante unha cuberta solar fotovoltaica.
Así o destacaron os seus responsables na presentación deste proxecto, que desenvolverá a firma pontevedresa EDF Solar en colaboración coa multinacional chinesa SunportPower.
As placas que se instalarán no futuro centro loxístico de Froiz empregarán a tecnoloxía MWT (envoltura metálica) e teñen entre as súas grandes vantaxes unha maior potencia, fiabilidade e flexibilidade, un renovado aspecto estético e un mellor comportamento ambiental.
Estas células que EDF Solar instalará na planta de conxelados de Froiz "teñen moita máis eficiencia enerxética e moitos menos gastos que outras tecnoloxías", destacou o director científico de SunportPower, o australiano Martin Green, Premio Mundial da Enerxía 2018, un dos principais responsables da "democratización" da enerxía fotovoltaica
Esta enerxía vai camiño de converterse na principal referencia de fontes limpas de enerxía por mor do seu grande avance, segundo sinalaron os responsables do proxecto.
Grazas a esta tecnoloxía, informou o director xeral de EDF Solar, Fernando Romero, a planta de conxelados de Froiz poderase abastecer do 60% da enerxía que precisa para funcionar, co cal só terá que contratar o 40% restante.
"EDF Solar e Froiz son un exemplo de empresas que apostan pola sustentabilidade, que hoxe é o que celebramos", subliñou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que participou na presentación do proxecto xunto o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes; ou a subdelegada do Goberno, Maica Larriba.
A presidenta provincial salientou que neste século "vai mudar o paradigma da economía, do crecemento económico, da creación e da distribución da riqueza", e por iso entende que actuacións como esta "amosan que somos sensibles e que tomamos decisións para que o planeta non colapse".
A nova nave de conxelados do Grupo Froiz estará destinada a produto ultraconxelado e nela terán centralizadas todas as referencias que se venden no grupo nos máis de 250 puntos de venda que teñen entre España e Portugal.
A nave terá unha superficie de 4.000 metros cadrados e unha capacidade máxima de 2.700 pallets. Trátase dunha nave de frío negativo (-26 graos). "Queremos facer unha nave respectuosa co medio ambiente e que, ao mesmo tempo, preserve a cadea de frío dos produtos", sinalaron os responsables da cadea pontevedresa.
Relacionadas:
-
Barro concede licencia de primeira ocupación para a nave de conxelados de Froiz
Por Redacción |
-
Froiz consegue agrupar as parcelas para o seu novo centro loxístico no polígono de Barro
Por Oskar Viéitez |
-
O polígono de Barro xa ten todos os servizos básicos coa posta en marcha da EDAR e da ETAP
Por Oskar Viéitez |
-
As obras da nave Froiz en Barro avanzan a gran ritmo
Por Redacción |
-
O Concello de Barro asumirá a titularidade das infraestruturas do polígono empresarial
Por Oskar Viéitez |
-
Froiz xa ten licenza para construír a súa nave conxeladora no polígono de Barro
Por Redacción |