Deteñen un home por ameazar cunha arma de fogueo dous clientes na terraza dun bar de Ponte Caldelas
Por Redacción
A Garda Civil detivo un home como presunto autor dun delito de ameazas facendo uso dunha arma simulada. Os feitos en cuestión tiveron lugar sobre as 14:30 horas do domingo, cando dúas persoas atopábanse na terraza dun céntrico local de hostalería de Ponte Caldelas.
Segundo a investigación, que se iniciou tras a chamada de alerta dos ameazados á Garda Civil de Pontevedra a través do teléfono 062, un vehículo detívose á altura da terraza do bar e o seu condutor, a través da ventá, apuntou co canón de forma ostensible a estas dúas persoas cun revólver.
Aínda que nun principio semellaba que se trataba dunha broma de mal gusto, a situación volveuse cara á preocupación e o medo dos clientes do bar ao volver o suxeito co seu coche repetindo a mesma acción, aínda que nesta ocasión o condutor efectuou o xesto de disparar, xa que se escoitou a percusión da arma sen que se producise ningunha detonación.
Pouco despois dúas patrullas da Compañía da Garda Civil de Pontevedra que se desprazaron ao lugar interceptaron a esta persoa no interior do vehículo cando estaba estacionado nas inmediacións do domicilio dun familiar, preto de onde tivera lugar a incidencia.
No momento da súa detención intervéuselle a arma coa que supostamente apuntara ás dúas persoas que sentiron gravemente ameazadas. Trátase dun revólver "de considerables dimensións", explica a Garda Civil engadindo que "polas súas características externas podería inducir a confusión sobre a súa auténtica natureza".
Unha vez detido, a súa familia fixo entrega voluntaria doutras armas simuladas que gardaba no seu domicilio. Trátase doutro revólver, dous carabinas e unha réplica dun fusil de asalto AK-47, con munición de fogueo.
As dilixencias dos axentes determinaron que esta mesma persoa, un veciño de Ponte Caldelas de 53 anos de idade, puido protagonizar recentemente outro incidente de idénticas características, intimidando cunha arma a unha persoa de avanzada idade.
O sospeitoso foi posto en liberdade unha vez que prestou declaración no Posto da Garda Civil de Pontevedra, coa obrigación de comparecer ante a autoridade xudicial cando sexa requirido.