Os bombeiros sufocan un incendio no interior dun garaxe da rúa Pintor Laxeiro
Por Diego Espiño & Diego Torrado
A rápida intervención dos bombeiros evitou que se producisen grandes danos no incendio declarado este domingo no interior dun garaxe na Parda.
O lume declarouse ao redor das 16:00 horas afectando principalmente a un turismo, pero provocou unha gran fumareda que non só fixo saltar a alarma senón que obrigou a desaloxar momentáneamente o edificio, no número 34 de rúa Pintor Laxeiro.
"Un particular llegó de Salcedo, aparcó su coche en el garaje y de ahí en unos minutos comenzó el incendio. Afectó a la zona del motor", explicou tras a intervención o xefe dos Bombeiros de Pontevedra, Vicente Ferrería.
"Por temperatura ha afectado también a algún vehículo próximo", confirmou sinalando que foi posible atallar o lume sen que se producisen danos persoais.
Tratábase dun garaxe dunha única planta "en forma de L", explicou Ferrería, e con poucas saídas de ventilación, así que a pesar de que o incendio foi apagado con rapidez os labores dos bombeiros na zona requirían de máis tempo para poder sacar o fume acumulado.
Tras realizar medicións piso por piso para descartar niveis daniños de fume, os veciños puideron volver ás súas vivendas con normalidade.
Ata a zona desprazáronse tamén varias patrullas da Policía Local para asegurar o lugar e cortar a circulación da rúa.