Atopan morta unha muller de 73 anos "sen síntomas de afogamento" xunto un río de Seixo
Por Redacción
Unha muller de 73 anos foi localizada morta en Seixo (Marín). Atopábase boca abaixo xunto a un río nunha leira do lugar.
Segundo informa o 061-Urxencias Sanitarias de Galicia, ás 09:49 horas da mañá recibiron unha chamada na que lles alertaban de que atoparan unha persoa inconsciente, á que rescataran dun río. Desprazaron unha ambulancia asistencial, outra medicalizada e persoal sanitario de Marín, pero á súa chegada tan só puideron certificar o seu falecemento.
Ao parecer, segundo apuntaron fontes policiais, a septuaxenaria atopábase cunha das súas fillas nunha leira preto dun río e a muller afastouse dando un paseo.
Posteriormente, a anciá foi localizada boca abaixo nun regato con pouca auga e, segundo apuntaron as mesmas fontes policiais á espera de que se lle realice a autopsia, o forense desprazado ao lugar apuntou que "non presentaba síntomas de afogamento", polo que se baralla a posibilidade de que sufrise un vahído e caese boca abaixo.