A Xunta espera desde hai dous meses polo Concello para cederlle a área humanizada en Monte Porreiro
Por Redacción
Desde hai dos meses agarda a Xunta de Galicia, segundo denuncia o Partido Popular, para cederlle ao Concello a área humanizada no barrio de Monte Porreiro. Nunha carta remitida o 2 de maio, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comunicaba o remate das obras da rúa Alemaña e o seu contorno e solicitaba o inicio dos trámites oportunos para ceder tanto as actuacións realizadas como os terreos obxecto das mesmas.
Desde aquela, segundo o voceiro municipal do PP, Jacobo Moreira, "a Xunta non volveu saber do tema". Responde así ante o que asegura son os "temores veciñais" sobre o mantemento das zonas axardinadas situadas na área arranxada, "un receo obviamente derivado da desidia municipal" á hora de responder ao escrito remitido pola Consellería. De feito, Moreira teme que Lores "estea intentando desentenderse das súas responsabilidades".
Destaca o Partido Popular que estas obras de humanización de Monte Porreiro "tiveron un camiño complicado" desde o seu inicio en maio de 2012, "pois arrancaron a un ritmo lento polas sorprendentes trabas que puxo o Concello de Pontevedra, que paralizou os traballos a pouco de comezar para pedir varios cambios e despois de estar oito meses en posesión do proxecto sen poñer obxección algunha".
Finalmente, o Instituto Galego da Vivenda e Solo puido continuar con esta actuación. Investíronse máis de 1,2 millóns, no que foi unha primeira fase, esencialmente na busca dun dobre obxectivo: o estético, con beirarrúas máis anchas, melloras dos espazos públicos con máis árbores e novo mobiliario urbano; e o funcional, reordenando os aparcadoiros e mellorando a rede de saneamento.
O voceiro popular lembra ademais que Monte Porreiro "non é precisamente un área mimada pola Administración de Lores" e neste sentido citou o caso do soterramento da liña de alta tensión. Asegura que BNG e PsdeG-PSOE "enganaron en reiteradas ocasións aos veciños, xa que preferiron dedicar a axuda da Consellería de Economía destinada en principio a esta actuación, para o retranqueo dunha liña de media tensión na Illa das Esculturas".