Briz acollerá un centro terapéutico para pacientes con Alzheimer
Por Redacción
A alcaldesa de Marín, María Ramallo e a concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, reuníronse esta semana co presidente da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Pontevedra (Afapo), José Manuel Fontenla, para anunciar a implantación dun centro terapéutico na Finca de Briz que lle dea servizo ás persoas que comezan a ter signos evidentes de progresión desta enfermidade.
Este centro compleméntase ca oferta de obradoiros de memoria que a asociación e o Concello veñen ofertando nos últimos anos, dirixidos a toda a franxa da terceira idade de maneira xeral.
No caso desta unidade asistencial, realizarase unha intervención integral a persoas cun deterioro cognitivo leve ou moderado e traballarase en grupos homoxéneos, de en torno a catorce usuarios cada un, nos que todos se sintan cómodos e adaptados ás esixencias das actividades.
Para isto, utilizarase a metodoloxía coñecida como PCP (Planificación Centrada na Persoa con Demencia), que planifica estratexias seguindo unha valoración inicial da persoa con Alzheimer e do seu círculo máis próximo.
Segundo os resultados que o equipo de Afapo consiga destas valoracións, configuraranse os grupos e comezará a intervención terapéutica no centro, que durará 12 meses. Serán sesións de tres horas, en horario de 10.00 a 13.00, dúas veces por semana.
Rematado este tempo, o equipo de Afapo realizará unha avaliación individual de cada participante, na que se incluirán entrevistas cos familiares, para coñecer así a evolución da persoa despois de ter practicado as actividades propostas.