Os estudantes de Enfermería reciben formación en materia de Igualdade
Por Redacción
Os alumnos de Enfermería comezan este martes unha sesión formativa sobre igualdade. Baixo o título "Curso básico de Igualdade entre mulleres e homes e perspectiva de xénero", os participantes recibirán información sobre a necesidade de romper con estereotipos e prexuízos de xénero, así como a difusión de información sobre a igualdade de oportunidades, discriminación, corresponsabilidade e violencia de xénero.
O curso divídese en catro sesións que se impartirán cada martes en horario de 11.30 a 13.30 horas impartido por profesionais de APAIOGA, a Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades de Galicia. Ao longo destas xornadas falarase sobre o sistema sexo-xénero e a discriminación como fenómeno estrutural; roles e estereotipos, estruturas de xénero, violencias machistas e a incorporación da perspectiva de xénero á práctica profesional da enfermería.
Este ciclo formativo está impulsado pola Deputación de Pontevedra e será impartido por primeira vez polos profesionais de APAIOGA, unha entidade sen ánimo de lucro cuxos profesionais teñen experiencia na formación en igualdade en universidades, centros educativos e administracións públicas.