Concellos pontevedreses participarán nun proxecto piloto para mellorar as súas redes de saneamento
Por Redacción
Mellorar o funcionamento das redes de saneamento municipais. ÿ o obxectivo dun proxecto no que está traballando a Deputación de Pontevedra, en colaboración co Instituto Tecnolóxico de Galicia e unha empresa da rexión italiana da Toscana. Incluído no programa Life-Plus, SANePLAN, que así se denomina a iniciativa, conta cun orzamento total de preto 1,6 millóns de euros, dos cales o 50% será achegado pola Unión Europea.
Cunha duración de tres anos, SANePLAN ten por obxectivo modelizar e xestionar as redes de saneamento municipais e as correspondentes infraestruturas de depuración de augas, segundo explicou o seu coordinador, Eugenio Marcote. Con este obxectivo, implantarase a modo de plan piloto en 4 ou 5 concellos da provincia de Pontevedra e en 1 ou 2 da Toscana, que serán elixidos mediante concurso público.
Trátase de poñer en marcha un sistema de información nas redes de saneamento e nas instalacións de depuración que trasladen datos fiables e exactos que permitan racionalizar os custes de xestión do saneamento, facilitar o dimensionamento das redes e das instalacións de depuración adecuándoas ás necesidades reais de cada área e momento, diagnosticar a capacidade e funcionamento das redes de saneamento nun momento concreto e valorar cal será o seu comportamento futuro.
Nesta liña, Eugenio Marcote destacou que "é a primeira vez en Europa que se pon en marcha un proxecto para modelizar unha rede de saneamento e depuración tendo en conta as características urbanísticas, e as relacionadas con posibles modificacións do escenario inicial como o incremento ou redución da poboación, o cambio climático con maior ou menor pluviosidade e outros parámetros que afectan ás redes".
Este proxecto é a continuidade do "esforzo" que a Deputación Provincial está realizando desde hai anos para mellorar a eficiencia dos servizos básicos dos concellos e, concretamente, do saneamento e abastecemento municipal. Así, SANePLAN súmase ao proxecto WIZ, incluído tamén no programa Life e que se está a aplicar a redes de abastecemento de auga. WIZ xa foi implantado con éxito en Baiona e agora estase aplicando tamén en Vilagarcía de Arousa.
O obxectivo agora é pechar o ciclo integral da auga, sumando ao traballo feito en materia de abastecemento e potabilización con WIZ o que se fará con SANePLAN no marco do saneamento.
OUTROS ACORDOS DA XUNTA DE GOBERNO
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra tomou tamén a decisión de adxudicar a xestión do programa Saúde e Benestar para o ano 2013 a Viajes El Corte Inglés. O programa consiste en subvencionar estancias de seis días de duración nun hotel, spa ou balneario de Pontevedra, en réxime de pensión completa, uso do spa e desprazamento dende o concello. A Deputación aportará 30 euros por participante, ata un máximo de 100.000 euros.
A finalidade do programa é mellorar a saúde e calidade de vida das personas nacidas antes de 1963, pensionistas ou personas con necesidades de respiro familiar. Pretende reactivar a economía, apoiar a sectores de gran importancia na provincia como a hostelería e o termalismo (sobre todo en temporada baixa), xenerar e asegurar postos de traballo e dinamizar o turismo interior. O número máximo de prazas ofertadas no programa é de 3.333.
Ademais, o goberno provincial acordou adxudicar á empresa Clece o servizo de teleasistencia domiciliaria para os concellos de menos de 20.000 habitantes. Trátase dun servizo que beneficiará a unhas 700 persoas dependentes. O importe da adxudicación roza os 158.000 euros. A Deputación financia o 34% e o 66% restante será aportado polos propios concellos que se adhiran ao servizo e polos propios usuarios.