Retiran árbores e madeira morta caída sobre os ríos Umia e Tarrío en Vilanova de Arousa
Por Redacción
Os ríos Umia e Tarrío están a ser obxecto de actuacións de limpeza e conservación ao seu paso polo Concello de Vilanova de Arousa. En concreto, trátase de traballos realizados pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a través de Augas de Galicia.
Son traballos de mantemento que se están a levar a cabo no treito interurbano destes ríos ao seu paso polas parroquias de Baión (San Xoán), Godos (Sta. María) e Lantaño (San Pedro).
As actuacións céntranse no desbroce de maleza das marxes e na retirada das árbores e pólas caídas e da madeira morta existente.
Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia- Costa, no ámbito territorial da zona Galicia Sur e as súas zonas de acceso e protección.