Os plenos de Poio poderán seguirse en directo por streaming
Por Redacción
Coa chegada do ano 2020, os sesións plenarias do Concello de Poio poderán seguirse en directo por streaming e consultarse na mediateca da web municipal.
Os plenos seguirán abertos á participación física de todo o público que desexe asistir, pero calquera veciño con conexión a internet poderá asistir virtualmente aos debates. A medida busca fomentar a participación cidadá nos asuntos públicos, permitir unha maior transparencia e facilitar o acceso á información pública.
Este é o resultado dun acordo aprobado por unanimidade de todos os grupos da corporación municipal xa hai máis dun ano, en febreiro de 2018, pero ata agora non puidera fixarse cando empezaría a funcionar. Será o vindeiro ano.
A posta en marcha non fora posible ata agora porque foi necesario facer un estudo e valoración das diferentes propostas e alternativas que mellor se axusten ás condicións do salón de plenos da Casa Consistorial e encaixar os gastos do novo servizo no orzamento municipal.
Na actualidade, o goberno municipal traballa nas medidas que permitirán a correcta posta en marcha da gravación, retransmisión e almacenamento dixital dos plenos municipais con todas as garantías, entre elas, a instalación de medios técnicos e de conectividade; a creación do servizo de comunicación municipal coa necesaria dotación de persoal cualificado; e a elaboración do regulamento para o correcto desenvolvemento das sesións plenarias.
O novo regulamento será trasladado a todos os grupos municipais na xunta de portavoces que se convocará antes de ser elevado á consideración da corporación municipal para a súa aprobación, previa emisión dos preceptivos informes da secretaría municipal.