A primeira fase das obras da rúa Concepción Arenal entran na recta final
Por Redacción
A fase inicial das obras de humanización de rúa Concepción Arenal, que vai desde a rúa Real de Cantodarea ata a rúa José Trasande, está a chegar á súa recta final, tal e como dixo o Concello de Marín no primeiro momento.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, xunto co concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, e a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, puideron comprobar este venres o avance das obras.
O obxectivo do proxecto é mellorar a xestión do tráfico deste vial tan transitado e renovar o deseño do espazo urbano no núcleo da vila, por iso, durante a próxima semana, está previsto que empecen os traballos de fresado e asfaltado, aínda que nos prazos influirán as condicións metereolóxicas.
"A non ser que a climatoloxía non o permita, deberiamos finalizar este tramo para mediados de outubro", explicou a rexedora. Unha vez finalizada, empezarase coa segunda fase que afectará o tramo entre José Trasande e a Rotonda das Áncoras.
O custo total da obra supera o millón e medio de euros dos cales, a Consellería de Infraestrutura achegará o 80% e o 20% restante os fondos propios do Concello.