Novagalicia Banco facilitará financiación a comerciantes e clientes da Zona Monumental
Por Redacción
Novagalicia facilitará financiamento aos comerciantes da Zona Monumental de Pontevedra. Todos eles poderán acceder a diferentes produtos de crédito en condicións ventaxosas e os seus clientes poderán financiar as súas compras sen custo co fin de animar as vendas. Son as principais liñas de actuación que recolle o convenio de colaboración asinado este martes entre Novagalicia Banco e a Asociación Centro Comercial Urbano Zona Monumental.
O director de zona de Novagalicia en Pontevedra, José Luís Ramírez Matos, e o presidente do CCU Zona Monumental, Miguel Anxo Lago, foron os encargados de rubricar o acordo que renova a alianza estratéxica que manteñen ambas entidades desde hai anos co fin de contribuír ao desenvolvemento deste sector estratéxico na economía pontevedresa.
En virtude do protocolo asinado, os comerciantes da zona monumental poderán acceder a préstamos persoais e hipotecarios, pólizas de crédito e avais, así como produtos de leasing mobiliario e desconto comercial, con tarifas preferentes e personalizadas.
O acordo contempla tamén vantaxes para os clientes destes establecementos, que sexan á súa vez clientes de Novagalicia. Poderán financiar as súas compras a través da Tarxeta Comercio da entidade ou un crédito telefónico que permite o pago fraccionado, sen intereses para o comprador, en prazos de ata 24 meses, cunha taxa de desconto para o negocio.
A operación pode pecharse no propio comercio, o que agiliza os prazos deste tipo de trámites e contribúe a animar as vendas nun momento complicado.
Outra das vantaxes que recolle o texto subscrito para os comerciantes da Zona Monumental é a atención personalizada no ámbito dos seguros. Un equipo especializado ofreceralles asesoramiento sobre as pólizas que mellor se adapten ás súas necesidades específicas.