O PP esixe actuacións para garantir a seguridade no Parque de Ánkar e o Pazo Besada
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do PP de Poio trasladou este martes á comisión municipal de urbanismo unha batería de preguntas e solicitudes dirixidas aos responsables do goberno municipal.
Entre outras demandas a concelleira popular, Rocío Cochón preguntou por un gran socavón que leva 3 semanas aberto e sen operarios no Parque de Ánkar. Para este espazo tamén pediron o acondicionamento do campo de fútbol, que está nun estado impracticable e perigoso desde hai anos.
No PP tamén pediron unha "solución permanente" para impedir o acceso á antiga caldeira do Pazo de Besada, "ante o grave risco que supón o seu estado actual para os nenos que poidan pasear ou xogar na finca".
Os populares tamén preguntaron polas obras na Praza Riestra, despois de que varios veciños se queixasen de que as actuacións non se adecuan ao proxecto trasladado á veciñanza, e solicitaron a dotación de aparcamento para persoas con discapacidade.