A vaca Paca empeza en Pontevedra unha xira por toda Galicia para promover o consumo de produtos locais
Por Redacción
A vaca Paca e a súa granxa móbil fixeron este luns unha parada na praza de Ourense de Pontevedra. Foi a primeira da xira que realizarán durante os dous próximos meses por cidades e localidades de toda Galicia co fin de promover o consumo de produtos locais.
A xira debut deste particular personaxe enmárcase na campaña informativa 'A nova PAC e as súas repercusións na cidadanía europea' organizada por Unións Agrarias e cofinanciada pola Comisión Europea. Na súa fase actual, márcase o obxectivo de "chegar ao medio urbano" e conseguir que a Política Agraria Común "non sexa algo descoñecido para os consumidores" das vilas e cidades galegas.
Así explicouno en Pontevedra Paula Conte, técnica de campañas de Unións Agrarias, que insistiu a todos os que se achegaron ao posto informativo "a importancia do comecio local e de proximidade" e "a importancia de manter a agricultura e a gandeiría local". "Queremos que o valoren á hora de facer a compra, pero sen incidir en ningunha marca en concreto", engade.
A campaña pretende informar, concienciar e sensibilizar á sociedade en xeral e aos mozos en concreto sobre as funcións e a utilidade da PAC, e sobre a necesidade que no futuro, será máis crucial que nunca contar cunha PAC sólida, dotada dun presuposto axeitado, se se pretende que os agricultores sigan proporcionando beneficios á sociedade en xeral e o medio rural en concreto e estean á altura dos novos retos que axexarán a UE nos próximos anos.
Paula Conte e a vaca Paca explicou a todos os que se achegaron ao posto que a agricultura e a gandería cumpren unha función de grande importancia para o medio rural, funcións produtivas, sociais, territoriais (mantemento dunha poboación no territorio), culturais (mantemento de tradicións e costumes asociados á rexión) e ambientais (xa que esta actividade foi tradicionalmente a responsable das paisaxes e da biodiversidade do ámbito rural).
A granxa móbil percorrerá nos próximos meses cidades e feiras de distintos pobos das catro provincias e a partir de setembro chegarán a colexios de educación primaria e centros de formación profesional. A continuación, chegará o tempo de distintos seminarios e xornadas de portas abertas en explotacións agrícolas e gandeiras.