Os concellos pontevedreses teñen deberes pendentes: só reciclan o 10% dos residuos xerados
Por Redacción
Os concellos da provincia de Pontevedra só separan para a reciclaxe o 10,15% dos residuos xerados, unha cifra reducida se se ten en conta que se dan as circunstancias para poder acadar un nivel de separación do 35%.
Os datos serán analizados no curso A xestión sostible dos residuos urbanos: beneficios ambientais, económicos e sociais, que a Deputación de Pontevedra e a Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) desenvolverán no Pazo Provincial entre este martes día 2 e o xoves 4 de xuño.
O curso ten por obxecto analizar os mecanismos de xestión que contribúan a unha prestación do servizo máis sostible, eficiente e económica, tendo en conta a situación actual e o novo marco legal derivado das directivas europeas. Inaugurarano o presidente da Deputación, Rafael Louzán; o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández; e os directores da UIMP e de Sogama, Domingo Bello Janeiro e Luis Lamas, respectivamente.
Como dato a analizar neste curso, a Deputación salienta que na provincia de Pontevedra se xeran cada ano preto de 400.000 toneladas de residuos. Desta cantidade, 91.000 toneladas prodúcense nos 40 concellos cos que a institución provincial traballa para a posta en marcha dun servizo conxunto que facilite unha xestión coordinada e integral e que redunde nunha redución do custe da prestación, xa que nestes momentos o que os concellos recadan polo servizo non acada a cubrir o 75% do custe.
Unha das vías para a contribuír a un equilibrio entre o que se recada e o que custe prestar o servizo é, precisamente, promover unha xestión máis sostible, apostando pola redución e a separación do lixo en orixe.
Relacionadas:
-
Agustín Hernández apela á "concienciación social" para que Galicia recicle en 2020 o 50% dos seus residuos
Por Redacción |
-
Os concellos pontevedreses aforran tan só 1,5 millóns de euros coa súa actual xestión de residuos
Por Redacción |
-
A Universidad Internacional Menéndez Pelayo programa 6 cursos na provincia a pesar da crise
Por Redacción |