Dezaseis quilómetros a nado para recadar fondos para a ELA
Por Almu Dapena
Desde Cabo Udra ata a praia de Lourido, esa foi a travesía que realizou o nadador Jaime Caballero o pasado sábado 7 de setembro co fin de dar visibilidade e recadar fondos para a investigación e mellora da calidade de vida das persoas que padecen Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA).
Entre os asistentes estiveron presentes a presidenta de AGAELA, a directora da Asociación Luzón, o director territorial de Ence e a deputada de Cohesión Social.
O veterano en longas travesías, que leva nadando desde o ano 2011 coa Asociación Sempre Adiante dando a coñecer a enfermidade, detectada en 900 persoas cada ano en España, quixo dirixir o seu discurso aos afectados: "vós sodes os que me impulsades a facer isto, o que me dá ganas de seguir".
Durante a travesía, na que Jaime Caballeró recorreu 16 quilómetros, levouse a cabo unha recadación de fondos coa venda de merchandising, que se destinarán a un programa que proporcionará produtos de apoio para a autonomía persoal aos pacientes con menos recursos e impulsarán a investigación a través do proxecto da Fundación Luzón.
Pola súa banda, Joaquina Martínez, presidenta de AGAELA, quixo agradecer ao nadador o apoio que recibe a asociación coas súas travesías xa que, grazas a el, está a verse mellorada a calidade dos afectados de ELA.
Así mesmo, desde Ence destacaron a importancia deste tipo de accións para dar visibilidade a enfermidades como a ELA, apostando polo apoio social e beneficiando a asociacións como a propia AGAELA, ADAPHO, APROPARK, Alento ou AECC a través do seu Plan de Responsabilidade Social en Pontevedra.
Relacionadas:
-
María Ramallo recibe a Raquel Carragal antes de percorrer 110 quilómetros para visibilizar a esclerose múltiple
Por Redacción |
-
Máis de 160 nadadores competirán na Triple Coroa Illas Atlánticas
Por Almu Dapena |
-
Unha travesía a nado entre Sálvora e O Grove será a segunda cita da Triple Coroa Illas Atlánticas
Por Redacción |