60 socorristas, con cargo á Xunta de Galicia, vixiarán praias e piscinas de once concellos de Pontevedra
Por Redacción
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, subvencionará a contratación de 60 socorristas nos areais, piscinas municipais e praias fluviais da provincia de Pontevedra para a campaña de verán do presente ano. Beneficiaranse once concellos pontevedreses que xa recibiron a autorización para realizar ditas contratacións a través de procesos de selección.
Estes profesionais están encargados da vixilancia, salvamento e socorrismo en praias e zonas acuáticas de municipios do interior que, debido ao seu marcado carácter turístico, son os que concentran a gran maioría deste tipo de contratos.
Os concellos de Pontevedra que reciben as axudas para este tipo de contratos, que se enmarcan dentro das subvencións dos programas de cooperación, son os de Bueu, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Sanxenxo e Vilagarcía para praias, e Ponte Caldelas, Covelo, Lalín, Agolada e As Neves para piscinas municipais e praias fluviais.
A Consellería de Traballo e Benestar enviou a autorización aos concellos beneficiarios, segundo aseguran nun comunicado, en datas similares a exercicios anteriores, a mediados do mes de xuño, para que puidesen realizar a oferta de emprego de inmediato. O investimento en axudas para a contratación de persoal de socorrismo nas praias da provincia superará os 150.000 euros.
Dado o carácter estacional do traballo, os contratos terán unha duración como máximo de dous meses. Todos os contratados deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e estar dispoñibles para o emprego.