Sanxenxo ultima os detalles do dispositivo de seguridade con motivo da concentración de motos
Por Redacción
Os próximos 6, 7 e 8 de setembro o municipio de Sanxenxo acollerá a tradicional Concentración Moto Turística Rías Baixas, promovida polo moto club Amigos da Moto, que este ano celebra o seu trixésimo quinto aniversario.
Co obxectivo de que o evento se desenvolva sen incidencias, organizouse unha mesa de seguridade na que participaron, axentes da Garda Civil, da Policía Local, o xefe do servizo de Emerxencias, o alcalde, concelleiros do goberno e representantes do Moto club.
Nesta reunión deseñouse o dispositivo que se habilitará co fin de preservar a seguridade, tanto dos participantes, como dos veciños e visitantes que se pasen por Portonovo esa fin de semana.
Así, faranse controis de alcol e drogas, de estado de vehículos e de acceso ao centro da vila.
Segundo explicaba o alcalde, Telmo Martín "o importante é a coordinación dos distintos medios" para que este evento, que reúne cada ano a miles de persoas, "transcorra sen incidentes nin accidentes".
NOVIDADES
Sanxenxo blindarase para as motos esta fin de semana e é por iso que co obxectivo de mellorar a seguridade e facilitar os aparcamentos reservaranse unha serie de espazos exclusivamente para as motos.
Reservaranse espazos desde o venres ás 15.00 horas ata o domingo ás 15.00 horas na Praza do Mar e nas zonas de carga e descarga de: a Praza Portugal, diante do Concello, o Paseo de Silgar, desde a Rúa Ourense ata a Avenida Rocafort, e a marxe esquerda desde a rotonda de Rafael Pico ata a Rotonda do Porto de Portonovo.
Ademais, o domingo, con motivo do roteiro cortarase a circulación polo paseo de Silgar desde de 13 a 14 horas.