CCU Zona Monumental reclama a limpeza do centro histórico ante unha suciedade "insoportable"
Por Redacción
O Centro Comercial Urbano Zona Monumental que preside Miguel Lago reclama ao Concello de Pontevedra unha limpeza a fondo das rúas e prazas de todo o centro histórico.
Desde este colectivo de empresarios afírmase que as rúas da zona vella se atopan nun estado de sucidade que xa é "insoportable" e describen a presenza de contedores de lixo rotos, cheiros "nauseabundos" e solos en condicións lamentables. Sinalan que levan dous meses pedindo esta limpeza ao goberno local sen éxito.
RECOLLIDA DE SINATURAS
Desde a Zona Monumental cualifican de éxito a campaña de recollida de sinaturas que emprenderon tanto veciños e comerciantes do centro histórico como da zona do Burgo. Reclaman un paso provisional peonil mentres duren os traballos de rehabilitación da ponte do Burgo.
A asociación que preside Miguel Lago sinala que esta medida non ten ningunha intención de ampliar os prazos da obra e perder os Fondos Europeos, que financian os traballos.
Insisten en que estas obras están a ocasionar graves danos económicos aos dous lados da ponte, ao obrigar aos residentes para dar grandes rodeos para acceder aos seus lugares habituais de traballo, de consumo e de lecer. Este cambio de hábitos, aseguran, están a repercutir "moi negativamente" en ambas as beiras do río Lérez.