BNG e Cidadáns critican a "politización partidista" da Festa da Cebola
Por Oskar Viéitez
A portavoz municipal do BNG Sandra Fernández e a concelleira de Cidadáns en Sanxenxo, Vanessa Rodríguez Búa criticaron a "politización partidista" da Festa da Cebola.
Desde o BNG sinalan que "bastaron tan só uns poucos meses de maioría absoluta para que quede en evidencia que o señor Telmo Martín utiliza a institución pública de maneira ditatorial, partidista e interesada".
Para Rodríguez Búa resulta "unha tomadura de pelo" a todos os veciños do municipio "e especialmente aos de Vilalonga" que se lle entregue a Cebola de Ouro ao conselleiro Román Rodríguez.
A concelleira de Cidadáns propón ironicamente que este ano se traslade a entrega da Cebola de Ouro ás instalacións do Colexio do Revel e que se convide ademais a todos os políticos e concelleiros do Partido Popular "que levan máis de 10 anos prometendo un colexio co que tampouco contaremos este próximo curso".
Pola súa banda a nacionalista Sandra Fernández acusa o alcalde de Sanxenxo Telmo Martín de ser un "acomplexado" ao ter unha "postura de sumiso ante certas personalidades e renderlle pleitesía á súa mesma cor política". Ademais lembra a edil do BNG que na anterior etapa de Telmo Martín na Alcaldía, no 2004, premiou coa Cebola de Ouro a Jose Trigueros, exdirector de Costas, "agradecéndolle a legalización do exceso de construción do Porto Deportivo de Sanxenxo".
A concelleira de Cidadáns sinalou que a responsabilidade do atraso na construción deste centro educativo de Vilalonga "é exclusivamente por culpa do PP local e da Xunta"; e asegurou que o avance de proxecto "foi grazas ao labor do goberno tripartito que desenmarañou a problemática xurídica que levaba anos enquistando ese proxecto e impedía a entrega dos terreos á Xunta".
Rodríguez Búa lamenta que o conselleiro veña a Sanxenxo para recoller a Cebola de Ouro "pero que non veña para interesarse polo actual problema do Colexio de Vilalonga", cuxas clases queren unificar para o próximo curso en contra da vontade das familias afectadas.
Finalmente, Sandra Fernández Agraso manifestou que Telmo Martín converteu ás Cebolas de Ouro nun premio "de dubidosa reputación, contaminando este galardón de maneira partidista e sectaria".