O PP de Poio esixe a retransmisión dos plenos municipais
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Popular de Poio presentou esta semana unha moción para o seu debate no próximo pleno esixindo a posta en marcha, nun prazo máximo de 6 meses, a gravación e retransmisión pública dos plenos municipais.
En febreiro do ano pasado o pleno aprobou por unanimidade a retransmisión dos plenos por internet, pero os populares critican que no goberno local "non moveron un dedo" para cumprir con este compromiso "nin presentaron ningunha proposta, nin deron ningunha excusa, nin amosaron un presuposto".
O PP denuncia ademais que esta semana o Concello restrinxiu o acceso dos concelleiros populares a numerosos expedientes xusto despois de facerse eco do informe de Into Consulting que certificaba irregularidades e deficiencias na recollida de lixo.
O portavoz do Partido Popular, Ángel Moldes declarou que "as malas prácticas en transparencia do Bipartito continúan ou mesmo empeoraron coa chegada de Silvia Díaz" e advirte que, de seguir esta "ofensiva contra a transparencia" o PP pedirá amparo á Valedora do Pobo e estudiará tomar medidas xudiciais.