Louzán presume da "boa saúde" económica da Deputación e reitera que no 2018 a súa débeda "será de cero euros"
Por Alejandro Espiño
Rafael Louzán teno claro. "Non hai ningunha administración que poida presentar os datos económicos que ten a Deputación". Así de positiva é, segundo a súa interpretación, a súa saúde financeira. Fíxoo durante a presentación dunha modificación de crédito de 31 millóns de euros que se aprobará este venres. Servirá para financiar plans de emprego e infraestruturas en pequenos concellos e para amortizar parte da débeda da institución provincial.
En concreto, con esta modificación de crédito a Deputación destinará 7 millóns de euros para un novo plan de emprego, 15 millóns de euros que se destinarán ao Plan de Investimentos (PID) de 2013 e 9 millóns de euros para a amortización da débeda. Sumadas estas cantidades, o orzamento do organismo provincial para 2013 ascende a un total de 176 millóns de euros.
No capítulo de emprego, Louzán destacou que, este ano, a Deputación de Pontevedra xenera a contratación de 3.370 traballadores en diversos plans que teñen unha cuantía total de 20 millóns de euros. Eses plans son, dun lado, os relativos á contratación, cun coste de 3,5 millóns, de 500 becarios, sin experiencia laboral previa, para combatir o paro xuvenil e satisfacer necesidades das distintas administración locais.
Tamén a contratación de 720 operarios (12 por concello) non cualificados e parados para desenvolver traballos municipais (limpeza de praias, servizos, etc.). Asemesmo, a ocupación doutros 150 operarios, financiados con convenios coa Xunta. E, finalmente, os que se derivarán do novo Plan de Emprego que, dotado con 7 millóns, que será aprobado no Pleno e que, según dixo Louzán "terá carácter innovador".
Na súa comparecencia, Louzán anunciou tamén a aprobación do Plan de Investimentos (PID) para o ano 2013 por 15 millóns de euros para infraestruturas básicas nos concellos. E lembrou que os traballos do PID 2012, dotado con 18 millóns e dos que son adxudicatarias 250 empresas, están saindo a licitación estes días.
Respecto da amortización da débeda, o presidente da Deputación explicou que, este ano, a institución provincial amortizará 24,9 millóns de euros, 15 xa previstos nos presupostos e 9 máis incluidos na modificación de créditos que se aprobará este venres. E reiterou que a débeda da Deputación será de "cero euros" no horizonte do 2018.
Afirmou que no ano 2010, a débeda da Deputación era do 101% sobre o presuposto de ingresos e agora, a 31 de decembro de 2013, será do 48%. "Baixamos 53 puntos en só tres anos" e, segundo destacou, sen acudir a préstamos. Con esta amortización extra, a débeda quedará a finais do 2013 en 68 millóns de euros, despois de que dende o ano 2008, a institución provincial pontevedresa leve amortizados 65,9 millóns.
Para Louzán, las tres medidas incluidas en la modificación de crédito, "seguen a liña de actuación fixada polo goberno provincial en canto a rigor orzamentario e austeridade", citando neste sentido a supresión de sete organismos autónomos, a reducción de persoal eventual e número de traballadores ou o pago aos provedores nun prazo "entre os 20 e os 32 días".
Ademais, destacou o compromiso da Deputación cos concellos, "porque de nada valería a austeridade se non vai acompañada de medidas orientadas a dar resposta a problemas e demandas dos cidadáns e sentar as bases para o crecemento e o impulso do benestar social" ou coas entidades sociais, deportivas ou culturais, ámbitos donde se mantivo o gasto social "sen deixar de emprender iniciativas novidosas para impulsar o crecemento e o emprego".