![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MgJyq/Lzc52L8gt0zCwMdI_/_wNDHSSU/NKUot0SvILlKxrAQ==_/51cbd5ec19579-turismoseguro.jpg)
CC BY-NC-SA Policía Nacional de Pontevedra
A Policía pon toda a carne no asador para ter turistas máis seguros este verán
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra puxo en marcha un plan intenso de información e prevención encamiñado a promover a seguridade entre os turistas que este verán cheguen á cidade. A iniciativa enmárcase no Plan Turismo Seguro, asinado polo Consello de Ministros en 2007 co obxectivo principal de converter o sistema turístico español nun sector máis competitivo.
Dentro deste Plan inclúese o reforzo da seguridade durante a época estival. Neste camiño, celebrouse xa unha reunión entre as policías Nacional e Local co fin de coordinar os servizos durante esta época do ano no que o número de visitas se multiplica.
Outra das accións acometidas protagonizouna a delegada de Participación Ciudadana, Ruth Martín, que se reuniu con distintas responsables en materia de turismo da cidade co fin de poñer a punto a Operación Verán 2013. Xa celebrou encontros con Mariña Santiago, da Oficina de Turismo da Xunta de Galicia; Raquel Abollo, da Oficina de Turismo do Concello; e Ruth González, da Oficina de Turismo da Deputación de Pontevedra.
A responsable de Participación Ciudadana entregou máis de 300 folletos para facerllos chegar aos turistas nos que se inclúen consellos de seguridade en dez idiomas para abranguer o maior número de nacionalidades, así como tarxetas co número gratuíto de emerxencias do Corpo Nacional de Policía, o 091.
Nas distintas reunións tamén se explicou aos traballadores das oficinas a posibilidade de que os turistas poidan interpoñer as denuncias de furtos, roubos con forza e danos a través da Internet ou por teléfono co fin de axilizar os trámites e poder ser atendidos no seu idioma nativo. Deste modo só terán que acudir a Comisaría para asinar as dilixencias, evitándose así o tempo de espera.