Un proxecto de I+D examina a seguridade da estrada Ponte Caldelas-Forzáns
Por Redacción
Técnicos da Universidade de Vigo e de catro empresas do sector da construción realizan un estudo sobre a idoneidade construtiva e de seguridade vial da estrada entre Ponte Caldelas e Forzáns, que se encontra en fase de pintado final, a punto de ser inaugurada.
Unha unidade móbil da Universidade de Vigo, adscrita ao proxecto Sitegi, financiado por fondos Feder, da Unión Europea, e o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (Cedeti) no que participan as empresas Enmacosa, Insitu, Extraco, Lóxica e Mixturas, percorre estes días a estrada de Ponte Caldelas-Caritel-Forzáns coa intención de analizar o resultado construtivo levado a cabo co fin de detectar posibles irregularidades no firme e deficiencias a corrixir.
O encargado da unidade móbil, o director de I+D+i de Enmacosa, Luis Nieto Matarranz, quen é ademais enxeñeiro de Caminos, Canles e Portos, destacou a fiabilidade do sistema de medición instalado sobre a furgoneta que, ademais de cámara de sensibilidade térmica, leva unha serie de sensores e estabilizadores que proporcionan toda unha serie de información que, unha vez analizada polos sistemas de valoración da Universidade de Vigo, determinará a eficiencia do traballo realizado.
O labor deste ambicioso proxecto de I+D+i liderado pola Universidade de Vigo e as catro empresas do sector anteriormente citadas pretende cotexar o nivel de calidade das novas estradas galegas co fin de establecer un estándar construtivo que contribúa a mellorar o firme e a seguridade vial.