O BNG presenta mocións no Morrazo sobre a "nefasta política" do PP en prevención de incendios
Por Redacción
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, a tenente de alcalde de Vilaboa, Ornela Fernández, a portavoz de Cangas, Mercedes Giráldez, de Moaña, Beatriz Riobó e a responsable comarcal do Morrazo e á vez portavoz municipal de Marín, Pilar Blanco, coincidiron en denunciar que a estas alturas as brigadas contraincendios están sen constituír e os concellos do Morrazo do BNG non van asinar o convenio remitido pola Xunta de Galicia en pleno mes de xuño, ao tempo que denuncian a retirada das subvencións ás comunidades de montes para constituír brigadas.
Pilar Blanco, anunciou a presentación dunha moción na cal o BNG rexeita o ofrecemento da Xunta de constituír brigadas municipais de extinción de incendios, "por ser competencia da Consellaría de Medio Rural, e por establecer un sistema clientelar e non profesional para asumir o grave problema dos incendios forestais ".
A responsable comarcal do Morrazo tamén incidiu en que o BNG insta a Xunta, a través desta moción, a publicar urxentemente a orde de subvención ás comunidades de montes para a realización dos traballos preventivos antes de que remate a tempada de alto risco.
Pola súa banda, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, afirmou que "a Xunta do PP obriga aos concellos a asumir a responsabilidade de extinción e prevención de incendios para desfacerse dunha competencia que lle é propia, ao tempo que pretende que os concellos asuman unha importante parte económica cando sabe que a poden asumir".
"O PP substitúe a selección de persoal por méritos e experiencia, por unha selección que terían que levar a cabo os concellos entre persoas que non están obrigadas nin sequera a acreditar un mínimo de práctica neste ámbito", advertiu o alcalde de Bueu.
Ornela Fernández denunciou que mentres a Xunta do PP renega da súa responsabilidade a través deste convenio remitido aos Concellos, as vías de titularidade autonómica, provincial e estatal están sen rozar. "No concello de Vilaboa só o concello está a cumprir, e a Xunta permítese retirar as axudas as comunidades de montes, mediante unha orde publicada o 3 de xuño e que remata o 8 de xullo. Cando cre o PP que hai que facer a previsión? Ao final da tempada de máximo perigo? ".
Mercedes Giráldez lembrou "a traxedia que vivimos en Galicia en agosto de 2006, e o esforzo realizado polo BNG dende o goberno da Xunta" para profesionalizar a extinción de incendios e sobre todo a súa prevención, "agora a Xunta volve cara atrás deixando en mans de brigadas sen experiencia esta ameaza e aos axentes forestais de zona coa responsabilidade de organizar un operativo no que non vai haber coordinación", afirmou a portavoz de Cangas.
Finalmente Beatriz Riobó incidiu na urxencia de que a Xunta de Galicia asuma a súa responsabilidade en materia de incendios e financie os traballos preventivos que realizan as comunidades de montes.