O coronel Simón Venzal estréase á fronte da Garda Civil de Pontevedra: "Es un reto y un privilegio"
O coronel Simón Venzal Contreras estreouse este venres oficialmente como novo xefe da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra con moi boas expectativas para esta nova etapa, pois considera que o instituto armado desenvolve un traballo "excelente". Para el é "un reto y un privilegio" e o seu obxectivo é "mantener el nivel" e "intentar mejorar" naquilo que poida.
Tras unha primeira toma de contacto coa Comandancia, o coronel Venzal Contreras visitou á subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, que lle deu a benvida e mostrou o seu convencemento de que a relación e a colaboración que manterán será "muy satisfactoria", na mesma liña que a que xa mantivo co antigo coronel, Jorge González Veiga, que deixou o cargo por xubilación en xaneiro, e co responsable en funcións do Corpo na provincia durante o últimos seis meses, o tenente coronel Manuel Touceda.
Tal e como adiantou PontevedraViva, o Simón Venzal Contreras estaba ata agora destinado no Servizo de Costas e Fronteiras da Garda Civil de Madrid. Este venres, no seu primeiro acto público como coronel, explicou que ese cargo de responsabilidade permitiulle visitar a Comandancia pontevedresa "no hace mucho" e comprobar que o servizo "se presta en muy buenas condiciones".
En relación coa que ata agora era a súa especialidade, o coronel Venzal Contreras indicou que Pontevedra ten "una frontera muy variada", terrestre, marítima, fluvial e aérea, e que lle "consta" que as unidades responsables da súa xestión prestan un bo servizo. "Se atiende muy bien la seguridad de las fronteras", corroborou.
En xeral, o coronel considera "un honor y un privilegio" asumir o mando da Comandancia pontevedresa e a máxima responsabilidade da Garda Civil nunha provincia cunha "problemática diversa" e unha "geografía complicada".
O coronel xefe tomou o mando real este venres, pero ten aínda pendente unha toma de posesión formal nos próximos días, unha vez que coordine a data coa Subdelegación e a Delegación do Goberno en Galicia.