A Garda Civil incauta 170 pares de zapatillas deportivas falsificadas valorados en 15.000 euros en Caldas
Por Redacción
A Garda Civil incautou este mércores unha partida de calzado supostamente falsificado nun control selectivo de vehículos realizado pola Patrulla Fiscal e de Fronteiras da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa en Caldas de Reis.
O control estableceuse na estrada EP-8001, que une Caldas de Reis con Catoira, á altura da parroquia de Carracedo. Os axentes déronlle o alto a unha furgoneta conducida por un veciño de Marín de 48 anos e, unha vez inspeccionada, detectaron o calzado falsificado.
Tratábase de zapatillas deportivas con etiquetas de acreditadas firmas comerciais, pero supostamente falsificadas. Segundo a información facilitada pola Garda Civil, o condutor presuntamente pretendía vender o material no mercadillo ambulante que se celebraba leste mesmo mércores na localidade coruñesa da Pobra do Caramiñal.
O condutor da furgoneta carecía da correspondente factura de compra e da preceptiva autorización das marcas rexistradas afectadas, de modo que se procedeu á incautación preventiva do calzado. En total, había 170 pares de zapatillas deportivas, cuxo valor total no mercado pode superar os 15.000 euros.
A Garda Civil instruíu dilixencias por un delito contra a propiedade industrial do que deberá responder o condutor do vehículo. Tanto o calzado aprehendido como as dilixencias serán entregadas no Xulgado de Garda de Caldas de Reis.