Tres lumes en colectores e un terreo, únicas notas 'discordantes' do San Xoán de Pontevedra
Por Redacción
Unha noite tranquila a pesar de que miles de pontevedreses organizaron e participaron en celebracións de San Xoán e o Concello de Pontevedra recibira comunicación de 123 cacharelas. O balance realízano efectivos do Corpo de Bombeiros de Pontevedra, que limitan a tres intervencións os incidentes da madrugada do domingo ao luns.
No caso das incidencias sanitarias, tres persoas foron atendidas no Hospital Montecelo por intoxicacións etílicas e unha por un traumatismo de nocello que sufrira ao saltar unha cacharela.
Segundo fontes dos bombeiros, durante a tarde do domingo realizaron tarefas de revisión e prevención das cacharelas por todo o municipio e non encontraron ningunha incidencia denunciable. Xa pola noite, o operativo especial de seguridade establecido funcionou sen problemas e non houbo que lamentar consecuencias destacadas.
A primeira intervención dos bombeiros produciuse ás 2.28 horas da madrugada, cando tiveron que sufocar o lume nun colector en rúa Alemaña do barrio de Monte Porreiro.
Pouco despois, ás 3.18 horas, foi necesaria a súa intervención por un lume nun terreo da rúa Fernando II, na zona urbana, e ás 5.53 horas tiveron que sufocar o lume en dous colectores na parroquia de Mourente.
Ningunha das tres intervencións estivo vinculada coa realización de cacharelas, senón con actos vandálicos.
O Corpo de Bombeiros de Pontevedra puxo en marcha un operativo especial de seguridade na noite de San Xoán en colaboración cos voluntarios de Protección Civil.