Prometen "compensar" a perda de aparcamento pola futura residencia da Parda
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade aos veciños da Parda que, nas últimas semanas, expresaron a súa preocupación pola eliminación do actual aparcamento disuasorio de Juan Carlos I, terreos que serán utilizados para construír a nova residencia de maiores que impulsa a Xunta de Galicia.
O portavoz do PSdeG-PSOE, Tino Fernández, asegurou que "faremos o noso traballo" e o Concello "compensará" a futura perda de prazas de estacionamento na zona. "Xa estamos traballando nesa liña", avanzou, aínda que lembrou que a eliminación do devandito aparcamento non será inminente.
O socialista engadiu que, en xeral, "é necesario mellorar a bolsa de aparcamentos na cidade" e lembrou que esa é unha das medidas que se incluíron no pacto de goberno asinado co BNG.
A este respecto, o edil responsable de Mobilidade, Demetrio Gómez, apuntou que o Concello xa está a impulsar un novo aparcamento en Valdecorvos, a uns 900 metros do da Parda, que contará con 200 prazas de estacionamento, que se unirán ás 150 dispoñibles na rúa Prado Novo.
Esta foi a resposta á moción presentada polo PP que, a través do seu portavoz Rafa Domínguez, reclamou a creación deste novo estacionamento na Parda para resolver o "pequeno problema" que xera a futura residencia. "No decimos cuál ni cómo", dixo en referencia á solución elixida, pero si pediu que se axeite "lo antes posible".
LIMPEZA DE MONUMENTOS
A petición dos populares foi aprobada por unanimidade, do mesmo xeito que unha segunda proposta, presentada neste caso pola concelleira Pepa Pardo, para que o Concello poña fin ao estado "deplorable" de abandono que presentan os monumentos e conxuntos escultóricos da cidade de Pontevedra.
Pardo, que puxo varios exemplos desta situación, sinalou que é "incomprensible" a falta de conservación deste patrimonio, en ocasións cheos de pintadas, maleza e sucidade de todo tipo.
O goberno municipal, aínda que segundo a edil Eva Vilaverde non coincide con esta visión "catastrofista", asegura que o mantemento dos espazos públicos será unha "prioridade" neste mandato e será acometida tras a "exhaustiva" planificación que están a realizar os servizos técnicos do Concello.
Relacionadas:
-
A futura residencia de maiores non se construirá na Parda
Por Alejandro Espiño |
-
Duras críticas a Cidadáns pola polémica do Orgullo LGTBI: "Son un perigo para a democracia"
Por Alejandro Espiño |
-
A nova residencia de maiores da Parda custará máis de dez millóns de euros
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
A nova residencia de maiores construirase na Parda
Por Alejandro Espiño |