![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/e21/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5d2b52bf91-d_bmflxxuae_zaq.jpg)
© Ministère des Armées (Ministerio de Defensa francés)
De Pontevedra aos Campos Elíseos para celebrar o 14 de xullo
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Brilat encabezou este domingo a delegación dun total de 128 militares españois convidados por Francia a participar no acto central do seu Día da Festa Nacional, o desfile militar que cada 14 de xullo percorre os Campos Elíseos de París.
A Brigada Galicia VII enviou a Francia para este labor a 100 militares das bases General Morillo de Pontevedra e Cabo Noval en Asturias como resposta a unha invitación directa de Francia como resultado da última misión de adestramento da Unión Europea en Malí, EUTM-Malí, na que participou a Brigada pontevedresa como parte dunha forza multinacional na que tamén está integrada Francia.
A relación xurdida desa misión de seis meses en Mali derivou na invitación para estar no desfile do 14 de xullo. Os soldados xa se desprazaron ata a capital francesa hai unha semana, o pasado domingo 7 de xullo, e realizaron ensaios na famosa avenida parisiense que permitiron que este domingo todo saíse á perfeción.
As Forzas Armadas españolas participaron nos actos conmemorativos do Día da Festa Nacional francesa con unidades dos tres exércitos e a Garda Civil. Do Exército de Terra participaron a bandeira con abanderado, un oficial e tres escoltas; unha compañía da Brilat, dous helicópteros HA 'Tigre' e dous helicópteros NH90 das Forzas Aeromóbiles do Exército de Terra ( FAMET).
A presenza pontevedresa estivo complementada con dous alumnos da Escola Naval Militar de Marín como resultado do programa de intercambio de alumnos que manteñen a ENM e a École Navale da Marine Nationale de Francia.
Da Armada foron ata París cinco tripulantes da fragata 'Cristóbal Colón' e dous alumnos de Marín. Ademais, estiveron un avión 'Eurofighter' e un avión KC130 do Exército do Aire e compoñentes da Unidade de Acción Rural da Garda Civil. En total, 128 militares españois nunha delegación encabezada pola ministra de Defensa, Margarita Robles.