Vaipolorío oponse a que o Flop Festival siga celebrándose no parque dos Gafos, para evitar "accións lesivas"
Por Redacción
A asociación ecoloxista Vaipolorío non quere que o Flop Festival volva organizarse no parque dos Gafos. O evento celebrou este sábado 13 de xullo a súa quinta edición neste espazo natural situado ao pé do río dos Gafos á altura do vello muíño e o resultado non gustou a este colectivo, que pide tanto á organización como ao Concello de Pontevedra que busque outra localización de cara ao próximo ano.
En concreto, solicitan que se busque outra localización "para evitar accións que resulten lesivas ao espazo natural".
Vaipolorío difundiu imaxes tomadas no parque dos Gafos a primeira hora da mañá deste domingo, sobre as 8.50 horas, nas que se ve que hai lixo tirado na contorna como resultado da celebración dun 'botellón'.
En relación con isto, cabe reseñar que este ano, por primeira vez, a organización do Flop delimitou o recinto do festival cun valado para poder controlar que non se practicara o botellón. Nembargantes, no exterior si que houbo grupos de mozos bebendo que son os que aparentemente deixaron o lixo cuxa presencia denuncia Vaipolorío.
O colectivo explica que só fixo imaxes do exterior porque os responsables de seguridade do festival non lle deixaron acceder ao interior e apunta que resulta "comprensible" que non o fixeran "dado o material que aínda permanece alí".
A modo de balance, desde Vaipolorío indican que comparten as reivindicacións e demandas en defensa das liberdades e dereitos LGTBI que inspiran a celebración do Flop, pero que non comparten o emprazamento, pois consideran que "non é o lugar adecuado para estes eventos, nos que participan un alto número de persoas".
Así, meses atrás tamén amosaron o seu rexeitamento á celebración no mesmo punto do parque dos Gafos das celebracións de 'Santa Kata', festa grande da facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, e agora volven repetir os razoamentos en relación co Flop.
Relacionadas:
-
Vaipolorío e Arela retiran 50 quilos de lixo do leito do Gafos
Por Oskar Viéitez |
-
Os mozos de Arela colaborarán con Vaipolorío nunha xornada de limpeza
Por Redacción |
-
Flop Festival: O ritmo máis inclusivo pon en pé o parque dos Gafos
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O Flop, o festival que máis enorgullece a Pontevedra, chega o sábado ao Parque dos Gafos
Por Manu Otero |