Marcos Conde asume a secretaría comarcal da CIG e advirte dun "ataque contra o sindicalismo"
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/51c6a46aefa27-sam_5209.jpg)
CC BY-NC-SA PontevedraViva
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/51c6a57c77659-sam_5204.jpg)
CC BY-NC-SA PontevedraViva
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/51c6a74f702f3-sam_5199.jpg)
CC BY-NC-SA PontevedraViva
O ata agora secretario comarcal de CIG-Metal, Marcos Conde, recibiu o respaldo maioritario dos afiliados para asumir a secretaría comarcal de CIG-Pontevedra. Nunha asemblea celebrada no Pazo da Cultura este sábado recibiu o respaldo de 140 dos 143 votantes (a maiores houbo tres abstencións e ningún voto en contra).
Conde substitúe no cargo ao histórico Rafael Iglesias e no seu discurso xa como novo secretario comarcal advertiu de que hoxe en día "hai un ataque contra o sindicalismo" que se debe a que "quérennos meter a todos no mesmo saco". Arengou os seus compañeiros asegurando que dentro do descrédito que sofre a clase política e sindical español "os que estamos aquí sabemos que non todos somos iguais e a proba é que a CIG estamos dando resposta todos os días na rúa" ás políticas impulsadas dende as distintas administracións.
A asemblea de traballadores aprobou por unanimidade o informe de gesión da Executiva comarcal saínte e elixiu por unanimidade aos integrantes da nova Executiva, na que estarán Rosa Abuín, Soedade Fernández, Bernardina Porral, Francisca Ferradás, Ignacio Carballal e o propio Rafael Iglesias. A súa foi a única candidatura que se presentou e fíxoo co lema 'Organización, loita e soberanía', os tres eixes da súa acción sindical de cara aos próximos catro anos.
Todos eles asumen varios retos relatados por Conde ante os asistenes á asemblea no Pazo da Cultura. Entre eles, destaca "mellorar os resultados electorais no Salnés e Deza", xa que en Pontevedra xa contan cun gran respaldo nos distintos sectores. Malia todo, anima aos responsables do sindicato a que "non podemos quedar durmidos na Unión de Pontevedra".
Unha das súas aspiracións é contrapoñerse á que sostén que é a liña de traballo dos sindicatos estatais UGT e CC.OO, xa que eles "teñen a complicidade da patronal" e a CIG "temos que buscar a complicidade dos traballadores".
Anima Conde a "facer un seguimento continuo dos conflitos colectivos, sen deixar de prestar atención aos individuais" e advirte aos seus compañeiros de sindicato que "non podemos ser só asesores xurídicos" nun contexto no que "pola vía xudicial cada vez imos ter máis difícil defender os intereses dos traballadores".
Na súa opinión, é necesario "ter unha mellor coordinación sindical" e traballar conforme ao contexto laboral actual, de tal forma que "é primordial ter concencia de que temos que organizar non só ás clases traballadoras, senón tamén aos desempregados e a mocidade".
Satisfeito de que "a CIG é totalmente autosuficiente economicamente", de modo que non depende dos poderes políticos e pode loitar "con liberdade", recoñeceu que "hai moita xente que se está a dar de baixa e cóntannos que é por motivos económicos". Para contrarrestar este efecto da crise, o sindicato terá que "facer unha campaña de captación de afiliación". "Se queremos ser referentes, temos que mellorar a afiliación", concluíu nunha asemblea na que o respaldou o secretario xeral de CIG, Suso Seixo.