Arde un galpón en Meis con dous depósitos cheos de gasóleo
Por Redacción
Efectivos do parque comarcal de bombeiros do Salnés tiveron que acudir este sábado a Meis para sufocar un incendio que calcinou por completo un galpón anexo a unha vivenda e en cuxo interior se almacenaban dous depósitos de gasóleo.
Segundo informaron os bombeiros, o incendio iniciouse por causas que se descoñecen no interior dun galpón do lugar A Bouza, en Meis, sobre as 15.00 horas deste sábado.
O citado galpón estaba destinado ao almacenamento de utensilios de labranza e pegado a un galiñeiro que nos últimos días os seus donos prepararan para encher de polos. Os animais ían chegar nun par de días, de modo que no momento do lume a construción estaba baleira.
O galpón albergaba dous depósitos duns 1.000 litros de gasóleo, os recipientes derretéronse e o líquido derramouse polo chan, de forma que se dificultaron as tarefas de extinción. Non obstante, segundo indicaron os bombeiros, o seu traballo complicouse máis polas serraduras acumuladas no galpón, debido ao seu alto poder de combustión.
O lume non chegou a alcanzar o galiñeiro nin a casa, pero unha das fachadas da vivenda quedou afectada polo lume e saltaron os cristais. Non foi necesario desaloxar os seus dous ocupantes porque, á chegada dos bombeiros, xa saíran polo seu propio pé do domicilio.