O custo da violencia de xénero na provincia: 470 millóns de euros ao ano
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
A violencia de xénero non só supón un gran impacto psicolóxico, familiar, social, sanitario ou económico para a propia vítima e a súa contorna, senón que ten un alto custo dinerario para toda a sociedade. Así o acaba de confirmar un estudo recentemente elaborado pola Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero e que este xoves se presentou en Pontevedra. A conclusión: o custo da violencia de xénero na provincia de Pontevedra é de 470 millóns de euros.
O estudo, presentado en Pontevedra por María Debén, encargada da área de Igualdade na Delegación do Goberno en Galicia, analiza o custo desde as perspectivas laboral, sanitaria e legal e aborda aspectos como canto nos custa aos cidadáns españois o feito de que haxa mulleres vítimas que hai que atender, enterrar ou suplir a súa ausencia por razóns sanitarias desde unha perspectiva laboral.
Debén e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presentaron o estudo ante representantes dos Corpos de Seguridade do Estado, de asociacións sectoriais de Pontevedra e dos alcaldes de Poio e Cambados, Luciano Sobral e Fátima Abal. Acudiron tamén a directora da prisión da Lama, Teresa Delgado, ou a concelleira de Igualdade de Pontevedra, Paloma Castro, entre outros.
O informe presentado é 'O impacto da violencia de xénero en España: unha valoración dos seus custos en 2016' e conclúe que o custo da violencia machista para a sociedade é de ata 8.540 millóns de euros. No apartado de custo intanxible, o estudo conclúe que pode chegar, na estimación menos conservadora, a outros 14.800 millóns de euros.
A propia Unión Europea destaca que este custo o 0,8% do Produto Interior Bruto no conxunto dos estados e este estudo confirma esas cifras. Para facerse unha idea dos custos xerais basta analizar que, por exemplo, no ano 2016 había 3.995 reclusos por violencia machista, o que supón un 7,83 por cento do total. Os custos penais por esta materia foron superiores aos 113 millóns de euros.
Os custos económicos alcanzan os 23.000 millóns de euros en España e os 1.650 en Galicia, cifras que Maica Larriba está segura que se reproducen nos anos posteriores, pois as cifras de vítimas que desgraciadamente, aumentan cada día. Este ano xa houbo 26 vítimas mortais en España, unha dela na provincia. Ademais, Pontevedra é a provincia na que máis medraron as denuncias de toda Galicia.
Ante estas cifras, Maica quixo defender unha posición esixente e a implicación de todas as administracións na loita contra a violencia machista, especialmente "nestes momentos onde se está producindo unha regresión nos avances dos últimos anos".
Ademais, contrapuxo o compromiso do actual goberno central de Pedro Sánchez para poñer todos os medios que conleven superar este verdadeiro problema de Estado coas "ideas reaccionarias" de partidos como Vox.
Durante o acto de presentación celebrado na Subdelegación do Goberno en Pontevedra Maica Larriba tamén indicou que a Policía Nacional e a Garda Civil teñen actualmente activos un total de 1.058 casos de violencia machista na provincia e un total de 67 mulleres teñen ordes de protección.
Relacionadas:
-
Concentración contra a violencia machista na Subdelegación do Goberno
Por Manu Otero |
-
As denuncias en seguridade cidadá en Pontevedra superan á suma das outras tres provincias galegas
Por Manu Otero |
-
A Subdelegación do Goberno en Pontevedra súmase a tres campañas contra o "machismo repulsivo"
Por Redacción |
-
Sete denuncias por violencia de xénero en Pontevedra en tan só 10 días de 2019
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |