A plataforma SOS Sanidade Pública cede o protagonismo aos políticos
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Un grupo de deputados pertencentes a partidos da oposición no Parlamento galego trasladarán á cidadanía a súa visión sobre o futuro do sistema sanitario nun acto convocado pola plataforma SOS Sanidade Pública.
Será o próximo 27 de xuño a partir das 20:00 horas na Praza da Peregrina de Pontevedra. As deputadas Eva Solla, de AGE, Montse Prado, do BNG, e Patricia Vilán, do PSOE, explicarán publicamente cales son as iniciativas que abordan os seus respectivos partidos no Parlamento galego en materia sanitaria.
Nunha rolda de prensa en Pontevedra o voceiro da plataforma, Manuel Martín, acusou de "mercadotecnia política" e de "trampa tremenda" a Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias aprobada pola Xunta e advirte que as listas de espera poderían aumentar ata un 30% argumentando que é "imposible" garantir os prazos de atención marcados, o que tamén derivaría nun "empuxón" aos hospitais privados "con diñeiro público".
Ademais, para Manuel Martín, esta Lei de Garantías vai xerar "situacións de desigualdade" social no colectivo das persoas con menos recursos, argumetando que "só a xente cun nivel de renda elevado poderá desprazarse a outro hospital", tal e como posibilita a nova normativa en caso de que se excedan os 60 días establecidos para as intervencións cirúrxicas ou os 45 para probas diagnósticas ou consultas externas.
Para expresar o seu rexeitamento á Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias, SOS Sanidade Pública convocou á cidadanía a este acto público organizado o 27 de xuño.