Sorprenden un home vendendo tabaco ilegal no paseo de Combarro
Por Redacción
A Policía Local de Poio identificou un home, veciño de Vigo, ao que sorprenderon vendendo tabaco ilegal polo paseo de Combarro. Ao parecer, levaba preto dun mes repartíndoo a tan só 3,50 euros o paquete.
Será investigado por un delito contra a propiedade industrial e por un delito de falsidade de efectos timbrados. Tamén se abrirá un proceso administrativo pola posesión e venda de tabaco ilegal, o que infrinxe a lei de impostos especiais.
Os axentes lograron localizar a esta persoa o pasado xoves, sobre as doce do mediodía, grazas á colaboración cidadá.
O vendedor de tabaco escondía nunha chaqueta con dobre fondo un cartón e varios paquetes de diferentes marcas, que ofrecía á xente que se lle cruzaba fumando e a turistas chegados á zona.
Unha vez identificado, intervéuselle o tabaco que portaba encima. Ademais, localizouse nas proximidades un vehículo onde gardaba ata un total de cinco cartóns de tabaco. En total, requisáronselle 51 paquetes de tabaco.
Os paquetes de tabaco que vendía imitan a marca auténtica, todas elas marcas rexistradas, e presentaban un precinto falso.