Sanxenxo súmase á celebración do Día Internacional do Surf na Lanzada e Panadeira
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Sanxenxo sumarase por primeira vez á celebración do Día Internacional do Surf, que se celebra en todo o mundo por décimo ano consecutivo. Farao o domingo 23 de xuño cun evento, que terá lugar nas praias da Lanzada e Panadeira. Con el, os seus organizadores, a empresa Surf In e a Asociación Lúdica e Cultural O Cubreiro, plantexarán diferentes actividades vinculadas á práctica do surf.
O programa de actividades, coas que buscan integrar aínda máis a práctica do surf na sociedade galega, arrinca con clases de surf na praia da Lanzada pola mañá. Entre as 10.00 e as 12.00 horas, monitores de A Lanzada Surf Club darán unha serie de nocións prácticas a todo aquel que se atreva a subirse a unha táboa de surf. Trátase dunha actividade para un máximo de 20 participantes e que non ten límite de idade.
Xa pola tarde, desde as 16.00 horas, o escenario do Día Internacional do Surf trasladarase á praia de Panadeira. Alí haberá unha exposición de diferentes materiais cos que gozar lúdicamente da praia con outras modalidades de surf, como kitesurf ou windsurf. Correrá a cargo de Tartaruga Surf Center, cuxos membros ofrecerán a todo aquel que o desexe, unha clase de toma de contacto coa táboa e o remo.
Ademais, o I Día Internacional do Surf en Sanxenxo contará, tamén na praia de Panadeira cunha master class de yoga, pilates e bodyart; e os participantes poderán tomar parte na limpeza da praia unha vez finalizada a xornada. A limpeza, un bo exemplo de iniciativa de responsabilidade social, contará co respaldo de Surfrider Foundation, que doará os materiais necesarios para a acción.
A partir das 20.00 horas, a praia de Panadeira transformarase para dar paso a concertos con grupos da escena local, como The Hit Fuckers, que tocarán versións de grupos internacionais dos anos 90; Virtual Eyes, cun estilo post punk; Lobishome, desde Montalvo e cuns ritmos garage surf moi divertidos que non deixarán indiferentes a ninguén, e The Showbiñas Experience, formación musical con dilatada traxectoria polo panorama nacional que nos deleitarán con blues e rock sureño.
O fin de festa celebrarase na praza dous Barcos, a uns 200 metros da praia de Panadeira, onde se celebrará unha hoguera de San Juan a partir das 23.30 horas, e no pub Maremagnum Sanxenxo onde terá lugar unha festa temática relativa ao deporte do surf.
Con esta programación, Surf In e a Asociación O Cubreiro esperan atraer á maior parte de habitantes do municipio de Sanxenxo. A organización agarda recuperar a festividade de San Juan na poboación, e así marcar o comezo da tempada estival en Sanxenxo, epicentro do veraneo en Galicia.
A organización puxo en funcionamento a páxina web www.surf-in.org, onde pode atoparse toda a información relativa ao evento.