Os xulgados da Parda contarán cunha sala de agarda para vítimas de violencia de xénero
Por Redacción
O actual edificio xudicial da Parda contará a curto prazo cunha sala de agarda para vítimas de violencia de xénero co fin de que poidan evitar a confrontación visual co agresor nos casos nos que ambos os dous coincidan á vez para algún trámite xudicial.
De momento, non se concretou a data para a posta en marcha deste servizo nin a ubicación exacta. Fontes da Xunta de Galicia si que confirmaron a PontevedraViva que está decidido que se ubicará no actual edificio xudicial e non na nova sede dos xulgados que está en construción á beira. O motivo é que a xurisdicción penal quedará no inmoble actual.
Estas mesmas fontes indicaron que a Dirección Xeral de Xustiza da Vicepresidencia da Xunta está a traballar en colaboración coas Unidades de Vixilancia de Sedes Xudiciais (UVEX) para identificar as necesidades para estender a adecuación de espazos (mediante obra menor ou instalación de mobiliario) e protocolos para evitar a confrontación visual vítima-agresor.
Na actualidade, as vítimas non contan cun espazo diferenciado, pero si que contan con outro tipo de recursos para a súa protección e para que non teñan confrontación visual co agresor. Entre outras, destacan as de carácter organizativo que adoptan as autoridades xudiciais (como a citación a horas distintas), ou os protocolos e usos das forzas e corpos de seguridade e dos propios funcionarios xudiciais para preservar a intimidade das vítimas.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, precisou semanas atrás, en resposta a unha pregunta parlamentaria, que este mesmo ano prevese a actuación en 12 sedes xudiciais; ás que se sumarán outras 12 o próximo ano e 12 máis en 2021.
Este ano haberá salas de agarda en Pontevedra e tamén nas outras seis grandes cidades galegas, Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Ourense e Lugo. Tamén se levarán a cabo actuacións en Marín, Cambados e noutras localidades como Ordes, Bande, O Barco, Verín e Ponteareas.
Ademais, a Xunta tamén está habilitando outras medidas e, no marco do Plan Senda 2020, prevé incrementar o número de salas de vistas con videoconferencia para que este sistema sexa un servizo básico para as declaracións das vítimas.
Relacionadas:
-
Pontevedra inaugura a súa "cidade da xustiza" na Parda
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O novo edificio xudicial de Pontevedra, en abril de 2019
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A Xunta agarda o remate das obras do novo edificio xudicial no primeiro semestre de 2019
Por Redacción |
-
"A Xunta dispón dos terreos para o novo xulgado desde outubro. O atraso non e culpa nosa"
Por Alejandro Espiño |
-
Vía libre para o novo edificio xudicial da Parda tras completarse as expropiacións
Por Alejandro Espiño |