Maica Larriba alerta do aumento de accidentes de tráfico mortais na provincia en 2019
Por Redacción
A subdelegada de Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, analizou as últimas estatísticas de sinistralidade da provincia de Pontevedra. "Podemos cualificar os cinco primeiros meses deste ano como malos pola alta cifra de falecidos nas estradas provinciais", dixo.
Rexistráronse once accidentes mortais con trce falecidos na provincia. O ano pasado neste primeiros cinco meses os accidentes mortais foran catro e os falecidos tamén catro. Con todo, tamén quixo destacar que "o volume total de accidentes descendeu nun cinco por cento nestes cinco primeiros meses. Pasamos de 1.351 accidentes entre xaneiro e maio de 2018 aos 1.294 accidentes en 2019".
Os accidentes con feridos leves e graves diminuíron sensiblemente en menos do 24 por cento. Pasaron dos 552 dos primeiros cinco meses de 2018 a 425 deste mesmo período de 2019.
Ademais incidiu que, no que vai de ano, sen ser datos consolidados e entre outros factores, a velocidade estivo presente en cinco accidentes mortais, as distraccións en seis e o alcol e as drogas, en un. Con estes datos parciais, é momento de reflexionar sobre o noso uso responsable ao volante e o cumprimento das medidas de precaución esixidas para corrixir esta tendencia tal e como recoñeceu a subdelegada.
Maica Larriba tamén quixo facer fincapé na responsabilidade de todos, sociedade e institucións, para seguir na tendencia anual dun menor número de accidentes e de falecidos e feridos. "En 2018, os accidentes mortais foron 24 e as saídas de vía foron o 41 por cento. En 2017 houbo vinte vítimas mortais nas estradas provinciais. O setenta por cento foi por saídas de vía".
E, como se pode comprobar cos datos recollidos "as saídas da vía son unha das causas principais dos accidentes con vítimas mortais nas estradas da nosa provincia. Por iso é continuo o noso chamamento para atender ao máximo á condución sen reparar a reclamos externos que nos poidan facer perder de vista a estrada", engadiu a subdelegada de goberno.
Para finalizar, tamén quixo aproveitar a presenza dos responsables de DXT e da Guarda Civil de Tráfico, para seguir intensificando as campañas de concienciación no uso de todas as medidas de seguridade ao volante, "esixíndonos a nós mesmos o seu cumprimento pero tamén coa certeza que seguiremos vixiando a execución das mesmas por toda a cidadanía e en especial nos meses estivais, contando con todos os recursos dispoñibles por parte do Estado".
A subdelegada de Goberno en Pontevedra, acudiu xunto coa directora provincial da Dirección Xeral de Tráfico, Paula Yubero e o capitán da Guarda Civil do subsector de Tráfico, Leovigildo Villar, ás instalacións de Tráfico para participar na xornada de seguridade viaria dos escolares de bacharelato do IES Frai Martín Sarmiento. Esta vintena de escolares foron gañadores do concurso de relato corto sobre violencia de xénero convocado o pasado 25 de novembro pola subdelegación do Goberno.