Pelexa multitudinaria nunha discoteca da rúa Sagasta
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Unha persoa ferida con cortes na cara e outra detida por un delito de atentado á autoridade. É o balance que arroxa unha pelexa multitudinaria rexistrada esta madrugada no interior da Sala Jackson, a discoteca da rúa Sagasta.
A Policía Local de Pontevedra foi alertada ás 5.40 horas da mañá por un altercado orixinado no transcurso dunha festa privada entre persoas de orixe latina. A pelexa empezou no interior do local e trasladouse logo á rúa.
Os axentes municipais chegaron ao local cando a disputa xa terminara atopándose cun home, de 27 anos, inconsciente cunha fenda na cabeza e cortes na cara, polo que foi requirida unha ambulancia do 061 ainda que o afectado non quixo ser trasladado a un centro hospitalario.
A Policía Nacional fíxose cargo deste suceso procedendo á detención dunha persoa de nacionalidade colombiana por un delito de atentado á autoridade, xa que, en estado de embriaguez, empezou a patear ao coche patrulla e aos policías.