Confirman cárcere para un septuaxenario que abusou sexualmente dun mozo con discapacidade psíquica
Por Redacción
Dous anos e medio de prisión e tres de liberdade vixiada. É a condena que confirmou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para un septuaxenario que abusou sexualmente entre 2015 e 2016 dun home de 29 anos.
A vítima, segundo consta na sentenza, está diagnosticada dun atraso mental medio, cun grao de incapacidade do 70% que evidencia o seu "atraso madurativo e cognitivo" e faille "moi vulnerable, compracente e facilmente manipulable".
Os avogados do acusado recorreran a sentenza inicial da Audiencia de Pontevedra, ao entender que se vulnerou a súa presunción de inocencia, que a denuncia da vítima non fora probada "debidamente" e que non existe unha "notoria diferenza" entre as capacidades psíquicas entre el e o mozo que sufriu os abusos.
O alto tribunal galego, con todo, desestima este recurso e explica que o "desenvolvemento argumental" das tres alegacións presentadas "non menciona" que se infrinxira norma algunha, polo que non pode admitir esta petición.
Os maxistrados destacan ademais que a Audiencia de Pontevedra explicita "detallada e racionalmente" as razóns polas que considera acreditados os abusos sexuais.
O acusado, segundo declarou probado o fallo inicial, adoitaba buscar á vítima "para satisfacer os seus impulsos sexuais " e, tras convencelo ofrecéndolle diñeiro ou gominolas, levábao a zonas apartadas ou á súa propia casa para abusar sexualmente del.
Xunto coa pena de cárcere, o septuaxenario terá que indemnizar ao mozo do que abusou sexualmente con 10.000 euros e non poderá achegarse a menos de 100 metros del durante un período de cinco anos.
Relacionadas:
-
Xulgan a porta pechada un home acusado de abusar dun menor con discapacidade durante anos
Por Natalia Puga |
-
A falta dun informe pericial obriga a suspender un xuízo por agresión sexual a un mozo con discapacidade
Por Natalia Puga |
-
A xuízo en Pontevedra por abusar sexualmente dunha persoa con discapacidade psíquica
Por Redacción |