Pontevedra anímase a 'rillar na rúa' cunha ducia de 'food trucks' na beira do Lérez
Por Alejandro Espiño
Unha oferta gastronómica variada e de calidade, actividades para os nenos, música en directo... e todo iso ao aire libre. É a atractiva proposta de Rilla na Rúa, que reunirá unha ducia de 'food trucks' na antiga parcela de Tafisa, na beira do río Lérez.
Será entre os días 13 e 16 de xuño, segundo avanzaron este venres o concelleiro Alberto Oubiña e Isaac González, director da axencia Elemental Chefs e coordinador desta actividade.
O horario será de 12.00 a 16.00 horas e de 19.00 a 02.00 horas todos os días, agás o xoves 13 que comezará ás 19.00 horas.
Este evento de 'street-food', considerado como un dos máis importantes de España, chega a Pontevedra tras o seu éxito Nigrán, Santiago, A Coruña, Ourense, O Barco de Valdeorras ou Cangas.
Trátase dunha aposta polo produto galego de calidade, a dinamización do comercio local e o fomento de programación musical que inclúa artistas locais e actividades lúdicas familiares e para todas as idades.
O escenario elixido é un "oasis urbano", segundo Isaac González, que destacou que este encontro de 'food trucks' é unha proposta "perfecta" para gozar dunha xornada en familia ou con amigos, xa que haberá espazos para o relax, sesións vermú con DJ, un mercadiño de produtos artesanais e 'vintage' e moitas outras actividades.