A xuízo por ocultar a morte do seu avó durante vinte anos para cobrar a súa pensión
Por Redacción
Ata 132.000 euros. É o diñeiro que cobrou de maneira irregular, segundo a Fiscalía, unha muller da Estrada que será xulgada o vindeiro xoves 13 de xuño na Audiencia de Pontevedra. Está acusada de ocultar á Seguridade Social o falecemento do seu avó para seguir cobrando a súa pensión. Fíxoo durante vinte anos.
Segundo recolle o fiscal no escrito de acusación, o avó da acusada faleceu en xaneiro de 1996 e o Estado, entre esa data e outubro de 2016, seguiu ingresando na súa conta bancaria a pensión mensual correspondente.
As cantidades mensuais cobradas pola acusada oscilan entre os 329,50 euros que tiña o seu avó como pensión en 1997 e os 603,50 euros que alcanzou ao final deste período pola revalorización das pensións públicas.
A acusada era a única persoa autorizada na conta corrente do seu avó e, durante os vinte anos que ocultou a súa morte, realizou múltiples operacións de reintegro en efectivo e chegou a domiciliar varios recibos, incorporando por tanto ao seu patrimonio todas as pensións percibidas indebidamente.
Ao detectar a estafa, a Seguridade Social logrou mediante un procedemento administrativo de retrocesión que a entidade bancaria lle devolvera 33.010 euros, correspondente ás pensións do últimos catro anos, pero non foi posible reclamar as anteriores.
Por iso, dos 132.000 euros que a acusada tería que devolver de ser declarada culpable, 99.031 euros corresponderían á Seguridade Social e os 33.010 euros serían para devolverllos ao banco.
A Fiscalía esixe que a muller sexa condenada a dous anos de cárcere por un delito contra a Seguridade Social que, ademais, absorbería un segundo delito de estafa.