Urbanismo ditamina negativamente a demolición do "alfolí" da sal
Por Redacción
A Comisión de Urbanismo, presidida polo tenente de alcalde e concelleiro do ramo, Antón Louro, xuntouse este martes para tratar unha orde do día no que predominan os ditames sobre a demolición do conxunto de edificacións históricas onde se almacenaba a sal para o porto da Moureira.
A demolición das sete edificacións situadas na avenida do Uruguai, travesía da Galera, rúa Fonte da Moureira, do Ouro e Arcebispo Malvar mereceu ditame negativo despois de que a inmobiliaria Masar non presentara alegacións diante do trámite de audiencia aberto polo Concello.
A demolición formaba parte das actuacións preparatorias ás obras de urbanización da Unidade de Actuación número 5, situada en torno ao antigo campo do Teucro. Os traballos chegaron a iniciarse en agosto do ano pasado, pero cando se estaban a realizar foron paralizados por Patrimonio Histórico-Artístico da Xunta de Galicia, que, días despois, emitiu un informe no que denegaba a autorización. Diante desta resolución, a Comisión de Urbanismo acordou, en setembro pasado, dar trámite de audiencia á inmobiliaria Masar. Despois de non podela notificar presencialmente, fíxose a través da publicación no Boletín Oficial da Provincia.
As obras eran autorizables e encaixan no previsto no PXOM
O tenente de alcalde, Antón Louro, lembrou que o informe de Patrimonio é vinculante neste asunto, polo que o Concello nada pode facer, a pesar de que as obras eran autorizables e encaixan no previsto no Plan Xeral de Ordenación Urbana de Pontevedra.
Por outra banda, a Comisión de Urbanismo ditaminou a autorización das obras de mellora da rede interior de recollida de augas pluviais de Cespa, nas instalacións das que dispón na parcela A-20 do polígono do Campiño, rúa do Louredo.
Dende hai dous anos, a empresa ten instalado nesa parcela un punto limpo para recollida de residuos non convencionais. Tanto nesta zona, como na dedicada ao baldeo dos camións de recollida tense detectado un problema de vertido de augas pluviais á vía pública.
Finalmente, recibiu ditame favorable a instalación dun local de compravenda de vehículos no baixo dunha vivenda no lugar de Pidre (San Vicente de Cerponzóns). O local dispón 178 metros cadrados e o investimento, por parte do promotor, superará os 27.000 euros.