Investigan un condutor que sufriu un accidente bébedo e acabou tirado inconsciente na beiravía
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Garda Civil instrúe dilixencias por un delito contra a seguridade viaria contra un home que na tarde deste xoves sufriu un accidente cando conducía baixo os efectos do alcol e, cando saíu ao exterior para comprobar como quedara o seu vehículo, acabou tirado nun sumidoiro na beiravía.
O home, veciño de Ponte Caldelas de 61 anos, sufriu unha saída de vía cando circulaba pola parroquia pontevedresa de Marcón ao redor das 16.00 horas deste xoves. Segundo a información que manexa a Garda Civil de Tráfico, a saída de vía non o deixou ferido, pero el quixo saber o alcance dos danos do vehículo e foi ao saír do coche cando caeu ao sumidoiro.
Segundo a información facilitada polo Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, un veciño localizou ao condutor tirado nunha cuneta e inconsciente e alertou ao servizo de Emerxencias 112 Galicia, que puxo en marcha un operativo no que participaron os profesionais do 061- Urxencias Sanitarias.
Unha vez no lugar no que se produciu o atropelo, decidiron trasladar á persoa ferida ata o hospital Montecelo para ser sometido a un recoñecemento médico.
Axentes da Garda Civil de Tráfico tamén foron alertados e desprazáronse ata a vía para comprobar as causas que provocaron este accidente. Someteron ao condutor a unha proba de alcoholemia na que deu resultado positivo.
A taxa de alcol en aire espirado que presentaba -1,15 miligramos por litro na primeira proba e 1,18 na segunda- é tan elevada que foi denunciado por un delito contra a seguridade viaria por conducir baixo os efectos do alcol.