Ingresa en prisión o individuo que se facía pasar por axente da lei para roubar a vendedores da ONCE
Por Redacción
Tras unha operación conxunta das comisarías de Pontevedra e Marín ingresou en prisión un home de 39 anos de idade, veciño de Marín, con antecedentes policiais, como presunto autor dun delito de roubo con forza no interior dunha vivenda da cidade, un roubo con intimidación e varios furtos en establecementos de Marín.
O pasado día 27 de maio presentou denuncia o fillo da propietaria dunha vivenda onde ao parecer o día 20 accederon e subtraeron dúas cartillas bancarias, múltiples xoias e uns 100.000 euros.
A vítima ten alugada unha casa por habitacións e aseguraba que o roubo na súa vivenda tivera lugar mentres limpaba as habitacións alugadas, momento que aproveitou este individuo para coller as chaves do piso da súa caseira que deixaba depositadas no vestíbulo do piso de aluguer e subtraer uns 100.000 euros en efectivo e múltiples xoias.
Por mor da denuncia os axentes iniciaron as investigacións para tratar de pescudar a identidade do presunto autor dos feitos que resultou ser o mesmo individuo que xa identificaran axentes da comisaría Local de Marín como presunto autor dun roubo con intimidación e varios furtos cometidos en diferentes locais da vila nos que subtraería diferentes xoias e ao que acababan de localizar nun hotel de Pontevedra.
Os axentes policiais de Marín e Pontevedra iniciaron o dispositivo e procederon á detención deste individuo que levaba aloxado varios días no hotel xunto cunha muller e tiñan formalizada a reserva ata o día 3 de xuño.
Tras efectuarlle un cacheo superficial interviñéronlle varias xoias á muller, que manifestou que o agora detido pedíralle que llas gardase xunto cunha bolsa que contiña diñeiro que ela depositou nun armario da súa casa e que contiña un efectivo de 43.200 euros en billetes fraccionados de 50 euros amontoados en feixes de 10.000 euros.
En vista dos feitos os axentes solicitaron un mandamento de entrada e rexistro na habitación do hotel onde os axentes interviñeron 2.690 euros en metálico e un xogo de chaves que ao denunciante recoñeceu como as do seu domicilio onde lle subtraeron as xoias e o diñeiro.
Os axentes policiais recuperaron varias xoias subtraídas en diferentes establecementos de compravenda que lle serán entregadas á súa lexítima propietaria e recuperaron un total de 45.890,41 euros en efectivo.
A este individuo impútanselle ademais de varios furtos de xoias ao descoido en establecementos de Marín, un roubo con intimidación que se produciu o día 4 de maio cando a empregada dunha xoiería en Marín mostráballe varias xoias nun momento dado tratou de subtraer unha caixa con xoias valoradas en 690 euros producíndose un forcexo entre ambos tras o cal saíu fuxindo á carreira.
Unha vez oído en declaración foi posto ao dispor da autoridade xudicial quen decretou o seu inmediato ingreso en prisión.