Cando se constitúen os novos concellos e a Deputación?
Por Oskar Viéitez
As eleccións municipais sempre caen o cuarto domingo de maio. A lei electoral marca que os novos concellos quedarán constituídos "o vixésimo día posterior á celebración das eleccións", isto é, nun pleno que se celebrará o 15 de xuño, se non hai contencioso electoral, ou o 5 de xullo, se se presentou algún recurso.
A elección da persoa que ocupará a Alcaldía realizarase na mesma sesión de constitución da corporación.
Mentres tanto o mandato da corporación saínte finalizou o día anterior ás eleccións, no sábado denominado "xornada de reflexión". Desde ese momento e ata que se celebre o pleno constitutivo coa nova corporación elixida, o Concello funciona en administración ordinaria.
E A DEPUTACIÓN?
Unha vez resoltos todos os recursos contencioso-electorais contra a proclamación de concelleiros electos nos municipios da provincia, e estean constituidos todos os concellos, a Xunta Electoral de Zona procede inmediatamente a formar unha relación de todos os partidos políticos, coalicións, federacións e de cada unha das agrupacións de electores que obtivesen algún concelleiro dentro de cada partido xudicial, ordenándoos en orde decrecente ao dos votos obtidos por cada un deles.
Así o prevé o artigo 205 da LOREG, que tamén contempla a asignación e distribución de postos.
O seguinte paso é a constitución da corporación provincial. O Regulamento de Ordenación, Funcionamento e Réxime Xurídico da Entidades Locais indica no seu artigo 57 que "A sesión constitutiva das deputacións provinciais celebrarase no quinto día posterior á proclamación dos deputados electos, ás doce horas, na sede das devanditas corporacións, previa entrega das credenciais respectivas ao Secretario da Corporación".
O artigo 56 dese mesmo regulamento sinala, ademais que "o terceiro día anterior ao sinalado pola lexislación electoral para a sesión constitutiva da Deputación, os membros da mesma que deban cesar, tanto do pleno como da comisión de goberno, reuniranse en sesión convocada ao só efecto de aprobar a acta da última sesión celebrada".