A UNED inicia as obras de ampliación da súa sede de Monte Porreiro
Por Redacción
As obras de ampliación na sede pontevedresa da UNED, en Monte Porreiro, comezaron coa intención de construír unha nova aula magna e unha sala de conferencias con capacidade para 300 persoas nos terreos axardinados lindantes co actual edificio.
A intención do centro é destinar as novas instalacións á realización de exames e diferentes actividades académicas e culturais.
Na tarde deste luns as autoridades colocaron a primeira pedra dunha obra que conta cun orzamento de 351.122 euros a repartir entre a propia UNED, Deputación e Concello de Pontevedra.
Con catro décadas ás súas costas, o centro pontevedrés da UNED conta no actual curso con preto de 6.000 alumnos matriculados nun total de 52 titulacións diferentes.