Universitarios pontevedreses deseñan proxectos a prol da infancia e das mulleres en Brasil e Uruguai
Por Redacción
Estudantes do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo traballaron con alumnado de diferentes países e titulacións e deseñaron proxectos a prol da infancia e das mulleres en Brasil e Uruguai no marco do proxecto 'Lapassion' (Latin America Practices and Soft Skills for an Innovation Oriented Network).
As catro propostas que desenvolveron foron un filtro de auga de baixo custo, unha plataforma de axuda á inserción laboral de mulleres en situación de risco, unha aplicación para combater a obesidade infantil e unha app que propón xogos a nenos.
O proxecto, realizado nas últimas semanas, contou coa participación de catro estudantes do campus, alumnado de diferentes países e titulacións. Foi no marco dunha iniciativa financiada polo programa Erasmus+ e na que participan 15 institucións de España, Portugal, Finlandia, Brasil, Chile e Uruguai, entre as que figura a Universidade de Vigo a través do Campus Crea.
Coordinado polo Instituto Politécnico do Porto, o proxecto promoveu nas cidades brasileiras de São Luís e Uberaba e na capital de Uruguai unhas estadías de dez semanas nas que tomaron parte os alumnos do campus Patricia Gómez, Javier González, Alejandra Lago e Rocío Solla e nas que o alumnado debía traballar no desenvolvemento de proxecetos interdisciplinares dirixidos a promover melloras para a comunidade.
O reto dos estudantes de cinco países era contribuír á mellora do índice de desenvolvemento humano (IDH) no estado brasileiro de Maranhão.
En canto ás estadías de Lapasion en Montevideo, coordinadas por docentes da Universidad de la República (Udelar) e da Universidad Tecnolóxica (Utec), tiñan como eixo a xeración de propostas dirixidas a mellorar as condicións de vida da infancia.
A alumna de Ciencias Sociais e da Comunicación Rocío Solla traballou xunto a estudantes de deseño industrial, medicina e enxeñaría do Udelar e do Instituto Federal de Sul Río-Grandense brasileiro e súa compañeira da mesma facultade Alejandra Castro traballou xunto a catro alumnas das áreas de psicoloxía, deseño da paisaxe, enxeñaría civil e deseño industrial.