O dique de abrigo do Xufre será máis grande do inicialmente previsto
Por Redacción
A mesa de contratación de Portos de Galicia vén de asinar a proposta de adxudicación das obras de construcción dun dique de abrigo para o peirao do Xufre, no municipio pontevedrés da Illa de Arousa. A oferta proposta para a adxudicación do contrato prevé un incremento da lonxitude lineal do dique dun 50%, segundo explicou o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita este luns á zona.
Durán Hermida explicou que a empresa proposta para a execución dos traballos de mellora do abrigo no peirao ofrece como mellora ao proxecto técnico plantexado, incrementar os metros lineais do dique ata os 240, fronte aos 160 que Portos esixía inicialmente, como primeira fase de actuación. Deste xeito a superficie do dique amplíase ata superar os 1.200 metros cadrados. Esta mellora valeulle á oferta á mellor valoración por parte dos técnicos do ente público.
A oferta seleccionada plantexa un periodo de execución dos traballos de 3 meses e 3 semanas e o importe dos mesmos é de máis de 1,2 millóns de euros.
José Juan Durán explicou tamén que con esta proposta de adxudicación realizada pola mesa de contratación, a tramitación das obras entra na recta final, previa ao inicio dos traballos que virán mellorar substancialmente as condicións de abrigo da flota do Xufre.
Deste xeito dáse resposta a unha demanda histórica dos usuarios do porto, que viñan solicitando que se incrementaran as condicións de seguridade para as embarcacións amarradas neste peirao.